O presidente do CPETIG e a directora da Amtega inauguran mañá #SilverBullet17

O presidente do CPETIG, Marcos Mata, e a directora da Amtega, Mar Pereira, inauguran mañá 11 de maio #SilverBullet17, o I Congreso de Xestión de Proxectos, que terá lugar no Auditorio do edificio CINC da Cidade da Cultura.

#SilverBullet17 vai reunir a preto de 150 profesionais do sector, no que será un espazo de encontro para o intercambio de información que favorecerá a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado, amais de contribuír a amosar as tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos software.

O congreso está estruturado en dúas partes, unha primeira que terá lugar durante a sesión matinal, centrada nos aspectos máis técnicos e metodolóxicos da xestión de proxectos, coa intervención de José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos e responsable da creación do Capitulo Galego do PMI®; e Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos, para rematar cunha mesa de debate, moderada por Susana Gómez Carnero, CEO en Origami Soluciones e directora executiva de BNI Galicia.

A sesión de tarde porá o foco en factores transversais inherentes ao éxito de calquera proxecto, como a comunicación e o liderado. Cunha longa traxectoria como comunicador e colaborador en medios de comunicación, Javier Cebreiros intervirá co relatorio “A motivación está sobrevalorada”. Para pechar o cartel do congreso, Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain, presentará o relatorio titulado “Novo liderado para non morrer no cambio”.